Rex. Sanitario Nº C-15-002129

Significado do noso logo

A elección do noso logo non é casual, nel tentamos expresar a nosa idea e forma de traballo, e facémolo mediante a fusión de dous símbolos: por unha banda a man e polo outro o Triskel Celta.

A man representa basicamente a nosa principal ferramenta de traballo. Apostamos desde este centro, por unha fisioterapia na que prima a proximidade co paciente a través do contacto manual, conseguindo uns mellores resultados na evolución das patoloxías dos nosos pacientes.

O Triskel, xeralmente tallado en ouro, está formado por un círculo en cuxo interior había unha cruz de tres brazos curvos semellando unha hélice. Estes tres brazos estaban unidos no centro partindo dun punto común e dirixíanse cara o círculo exterior. O extremo exterior de cada un destes brazos adoitaba estar rematado cunha esfera que quedaba pegada ao marco do círculo. Cada unha das tres hélices representaba un estado da vida, cada unha das tres esferas manifestaba un poder, e todas elas uníanse a un círculo externo que era unha alegoría do mundo.

Como di sobre o Triskel un texto sacro que está baseado na tradición druída: "O teu mundo é unha esfera sacra... No seu interior cohabitan as tres partes de ti, idénticas en tamaño, pero diferentes en natureza. Cada unha destas partes é ti mesmo e contén a túa evolución e a túa alma”.

O Triskel son tres espirais que entran e saen no círculo representando con estes dous sentidos de xiro a dualidade das forzas que están en permanente interacción na natureza e polo seu número (o tres), o equilibrio.

O Triskel manifesta o principio e o fin, a eterna evolución e a perpetua aprendizaxe. Os druídas eran os únicos que podían ostentar o sacro símbolo da divindade.

Pero o Triskel non era soamente unha forma de chamar á orde ou de ostentar poder. Era unha ferramenta máxica, relixiosa e conductista cara os mundos ancestrais. Desde o punto de vista máxico o Triskel é un talismán e segundo as leis pode obrar a curación, quitar a febre, aliviar feridas e como non, ser de gran axuda para conducir as almas dos defuntos ante a presenza dos seus antepasados.

Desde o punto de vista espiritual o Triskel servía para dar paz de espírito e estado de ánimo a aqueles que o tocaban á vez que invocaban aos seus deuses.